O 22 de decembro de 2018 as asociacións do barrio do Castiñeiriño, coa colaboración do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, organizan a Feira do noso, aberta a todo o público e con actividades para todas as idades, incluída a visita do Apalpador a última hora da mañá.
Empezamos ás 11 da mañá e estaremos ata as 6 da tarde, facendo un parón de 2 a 4 da tarde para xantar todos xuntos compartindo o que traiamos da casa ou o que merquemos alí na propia feira.
A feira vai ser no local das asociacións, no edificio onde era o CEIP Ramón Cabanillas, situado na rotonda do Castiñeiriño, ao lado da igrexa.
Este edificio conta cun patio cuberto pechado todo arredor para evitar o aire, o frío e a choiva en caso de que o día non acompañe.
Organización e colaboracións:
A Feira do noso está organizada por boa parte das asociacións que hai na actualidade no barrio do Castiñeiriño, en concreto:
- Asociación veciñal O Castiñeiro: con máis de 40 anos de historia (nace no ano 1977) é a segunda asociación veciñal máis antiga da cidade, traballando desde aquela, sen parar en ningún momento, polo barrio.
- Asociación cultural Trópico de Grelos: é a música en estado puro, percusión brasileira pero tamén africana, música e baile para todo o mundo a todo ritmo.
- Asociación de mulleres Recandea: desde o ano 2005 esta asociación representa ás mulleres do barrio, promovendo actividades culturais e de saúde e facilitando a participación de todas nas actividades.
- Silva verde: é a outra pata musical do barrio, percusión doutro estilo con pandeiretas, tambor e bombo, sempre acompañados de gaitas, coa mellor música tradicional que nos pon a bailar nas festas.
- Asociación cultural carnavalesca do Castiñeiriño: é a máis nova, ainda está no forno pero con moitas ganas de saír de novo a troulear no Antroido cos xenerais, cabalos, coro dos vellos, coro de bonito e toda a tradición do antroido da Ulla, tamén vivo no Castiñeiriño.
- Ecocastiñeiriño: grupo de acción ambiental de recente creación, aberto a todas as persoas interesadas en mellorar o barrio e o futuro, con ganas de intercambiar experiencias, formarse e actuar no ámbito do medio ambiente.
- Ana Prema: profesora de ioga integral formada en consciencia corporal, en terapias de son e vibración, en osteopatía biodinámica e quietude con diferentes mestres e mestras. Ofrecerá dous concertos grupais de son e relaxación e terapias individuais ó longo do día.
- Panxea: é unha cooperativa de Consumidores e Usuarios que queren construír unha economía alternativa, social e solidaria, a través do Comercio Xusto e Consumo Responsable, para o que traballan impulsando cambios no xeito de comerciar e consumir dende o pequeno e o local.
- Títeres Cachirulo: Creada en 1985 Cachirulo caracterízase por unha rica produción de espectáculos que combina textos clásicos con autorías propias dunha gran variedade técnica: marionetas de fío, luva chinesa, bunraku, monicreque, sombras, obxectos e teatro de rúa, acompañándonos nesta ocasión co Apalpador.
Este ano xa é así, pero para a próxima feira ainda seremos máis!







