Historia

No ano 1850, O Castiñeiriño estaba formado polos núcleos de poboación de Lamas de Abade, a Chaparra, o Combarro, o Outeiro, o Castiñeiriño e o Casal. Estes núcleos pertencían a dúas parroquias diferentes, e ata o ano 1925 incluso a concellos diferentes: as aldeas do lado dereito da estrada de Ourense pertencían ao concello e parroquia de Conxo e as do lado esquerdo ao concello de Santiago, parroquia de Sar. Cando no 1925 desapareceu o concello de Conxo, pasando a formar parte de Santiago, a división por parroquias seguíuse mantendo. 

O mellor desta división era que así o barrio celebraba as festas das dúas parroquias, a Nosa Señora cos da parroquia de Sar e a Mercé cos da parroquia de Conxo. Estas e todas as outras festas tradicionais, o antroido, o San Xoán…, celebrábanse xa no que daquela era o campo da festa, situado no cruce, onde se seguiu celebrando a festa ata hai poucos anos.

Segundo os datos parroquiais, no ano 1885 na parte que pertencía ao concello de Conxo había 205 habitantes (no Combarro 79, no Castiñeiriño 55, no Casal 42 e no Outeiro 29), mentras que na parte que pertencía á parroquia de Sar había 197 habitantes (en Lamas 162, no Castiñeiriño 30 e no Paxonal 5). Estes datos varían respecto ao censo de cinco anos máis tarde e así no ano 1890 a poboación do barrio era de 588 persoas:

Lamas 172
Combarro 136
Outeiro 73
Casal 60
Paxonal 21
Castiñeiriño 126

Esta división do barrio en dúas partes mantívose ata o ano 1950, cando se construiu a igrexa parroquial do Castiñeiriño unificándose as dúas zonas.

Os veciños do barrio naquela época adicábanse basicamente a traballar o campo (labregos, xornaleiros) e a criar gando pero tamén había carreteiros e lavandeiras. Nos anos da emigración o barrio non foi alleo ao goteo permanente de xente moza collendo o barco camiño de América e Europa, como reflexan as coplas da época:

"A Buenos Aires me botan os empuxos do vivir
O meu corazón desfago vello Santiago pensando en ti.
Adiós adiós o pobo que eu quero, amigos e amores vou para un chan alleo"

ENLACES:


© O Castiñeiriño, o noso barrio, o barrio de todos | Powered by Blogger | Design by Enny Law - Supported by IDcopy